Cátedra HandytronicDivulgacionDocenciaInvestigacion

El grupo Telecom firma la Cátedra Handytronic con la UDC

A Universidade da Coruña e Grupo Telecon asinaron hoxe un convenio polo que se crea a Cátedra Handytronic sobre bioinformática para Ciencias da Saúde. O acordo foi asinado por Julio Abalde, reitor da UDC, e Jacobo Penide, director xeral de Grupo Telecon. No acto de presentación ante os medios de comunicación, que tivo lugar na Reitoría, participou tamén Salvador Naya, vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Luis Hervella, decano da Facultade de Informática, centro ao que queda adscrita a cátedra, e Javier Pereira, que será o seu director.
Os obxectivos estratéxicos da nova cátedra son a colaboración na docencia na Facultade de Informática da UDC e, de xeito especial, no Mestrado de Bioinformática para Ciencias da Saúde; o desenvolvemento de actividades que permitan crear espazos de debate e difusión da actividade docente e investigadora, e a promoción de actuacións que estimulen o talento dos estudantes e faciliten a súa incorporación ao mundo laboral.
A través da cátedra, a UDC e Grupo Telecon realizarán conxuntamente actividades e proxectos nos ámbitos da investigación, a transferencia de coñecemento, a formación e a divulgación. Está previsto o desenvolvemento de liñas de investigación conxunta; a cooperación para lograr proxectos de investigación no ámbito galego, español e europeo; a promoción de encontros e redes nacionais e internacionais de expertos; a colaboración en mestrados e outros estudos de posgrao; o deseño e impartición de programas de formación permanente; o patrocinio de bolsas predoutorais e posdoutorais, e a formación para a creación de empresas de base tecnolóxica ou para a explotación de resultados de investigación, entre outras iniciativas. Grupo Telecon achegará a dotación económica necesaria para o funcionamento da cátedra.
Julio Abalde inseriu esta iniciativa dentro do marco de especialización dos campus da Coruña, concretamente no Campus Innova, que é a aposta da Universidade da Coruña polo sector dixital. “Esta Cátedra supón o apoio decidido á especialización no mundo dixital, sobre todo o aplicado ás Ciencias da Saúde, sector que terá un amplo desenvolvemento no futuro”, manifestou o reitor.
Segundo sinalou Jacobo Penide, con esta iniciativa Grupo Telecon da un importante paso adiante na súa aposta pola Intelixencia Artificial e a Neurociencia para o desenvolvemento de solucións que favorezan a calidade de vida de persoas con diversidade funcional, promovendo ademais o diagnóstico precoz da deterioración cognitiva. Esta visión ten a súa plasmación comercial na creación da marca Handytronic, firma que comercializa un amplo catálogo de solucións de mobilidade para persoas con diversidade funcional, ao tempo que impulsa proxectos de investigación neste terreo que contan xa coa participación da Facultade de Informática e máis do Mestrado de Bioinformática para Ciencias da Saúde da UDC.

Verbo de Grupo Telecon
Telecon é un grupo empresarial galego con tres décadas de historia e sede na Coruña que traballa en tres áreas principais: Eficiencia enerxética e telemedida; Telexestión de contadores, e Solucións para a mellora da calidad de vida das persoas maiores e con diversidade funcional. O modelo de negocio da compañía baséase no deseño e desenvolvemento de tecnoloxía e produto propio, destinando un importante volume de recursos a Investigación e Desenvolvemento (I+D), xunto coa flexibilidade da fabricación local. Deste xeito, innovación, flexibilidade, rapidez de resposta e un estrito control de calidade son valores que identifican á marca. En 2015 puxo en marcha Handytronic, unha start-up dedicada á utilización de tecnoloxías disruptivas como base para o desenvolvemento de solucións que contribúan ao tratamento da discapacidade física e a deterioración cognitiva. 

Texto original da nota de prensa do Gabinete de Comunicación da UDC Ver noticia orixinal